miércoles, 9 de febrero de 2011

Diario ABC- ARTES Y LETRAS- GALICIA E OS MUNDOS PARALELOS (25. 01. 2011)




aquí la edición online en castellano




Galicia no Medio do Mundo

Alejandro Castro de la Iglesia

Teófilo Edicións, Xaneiro 2011

Na Galicia de comezos do século XXI, a fotografía desquitouse por completo e superou tódolos ostracismos e a indiferenza que lle acompañara durante tanto tempo. Hoxe está presente en todas partes, dende no Museo de Arte Contemporáneo compostelán ao espazo Moret Art vigués; do museo municipal ourensán á Cidade da Cultura do monte Gaiás. Incluso este crecimento provocou a aparición masiva de libros de fotografía que habitan nos fogares coma algo máis que meros obxectos decorativos e símbolo cultural, inda que a día de hoxe poucas son as novidades editoriais que se atrevan coa fotografía do país, inda que habelas hainas e sempre se agradece telas atopadas nos escaparates ao carón dos voluminosos tomos de fotografía erótica ou de deseño. Así, nunha paisaxe de cubertas coloridas con porno duro, fotogramas clásicos ou arquitecturas imposibles atopamos esta viaxe visual que plantexa GALICIA No Medio Do Mundo (Teófilo Edicións), cunha atractiva composición colorida para a portada que permite intuir o que o lector se vai atopar no interior deste volume de gran formato.

Galicia e a fotografía recorren un camiño común, e coma compañeiros de viaxe, decidiron neste libro sair da peceira e comparar o propio no océano do alleo; ver cómo o galego é proxectado no resto do mundo ou, dito doutro xeito, comprobar cómo a realidade particular plásmase na universalidade. “Levar o pescado a Cangas é coma levar carbón a Newcastle”, sinala con certa gracia mareante o editor J.Luis Teófilo Piñeiro. E quizáis sen querelo esa reflexión contén certo poso de carácter autóctono, esa negra sombra feita morriña que a todo galego lle fai ver en calquer punto alonxado algo que lle recorde a súa terra. Deste xeito, un pasea por estas máis de 150 imaxes e comproba o carácter testemuñal da fotografía; o instantáneo plasmado na permanenza desta expresión artística. Esa fracción de segundo que a Alejandro Castro evocoulle ao seu fogar e que, mediante a comparación, nos mostra as similitudes de distintas identidades: dende un sorriso ata unha plataforma, pasando por portos, portas, mercados ou oficios. A través dunha eficaz estrutura confrontada a modo de reflexos de espello, as distintas realidades do mundo confróntanse coa galega con máis colorido que melancolía, baixo unha mirada case verbal que evoca calquer poesía rosaliana.

GALICIA A TRAVÉS DO ESPELLO

Cada fotografía concentra unha estimulación das lembranzas que constrúen a nosa identidade, descubríndonos a luz e mais o (c)olor do fogar a milleiros de kilómetros de distancia. “Unha foto só pode captar un momento entre millóns de momentos da vida dunha persoa”, escribe Jonathan Coe na “Choiva antes de caer”. Alejandro Castro expresará neste libro eses momentos que poden trasladarse no espazo/tempo e (tr)ascender coma algo universal e non puntual. Unha cuestión de fe? Ver para crer? As imaxes son o espello que demostran esta ollada dende diferentes ángulos, ambivalentes encuadres, dobres exposicións ou luminacións iuxtapostas, cambios de escala ou dobres texturas. Consegue pois o artista o entrelazado da neutralidade descritiva e a verosimilitude, imperando nestas láminas ese fondo de carácter documental da obra. Xa non son imaxes de Galicia e o mundo, senon un mundo de imaxes.



 
Creative Commons License
Esta obra está bajo una licencia de Creative Commons.